Por Óscar Otero —
Seguro que algúns de vos coñecedes o xerador de sitios estáticos Lume, un proxecto persoal que comecei hai 5 anos. Unha das súas características é que está feito para Deno, un runtime de JavaScript parecido a Node pero máis moderno e que tiña este dinosauro tan riquiño como mascota:
Cando Deno foi presentado, tivo tanta acollida que comezaron a saír moitos proxectos que levaban «Deno» no nome ou metían dinosauros no logotipo. De aí saíu o primeiro logo de Lume, collendo o logo de Deno e prendéndolle lume:
Eu: Minto, este non é o primeiro logo de Lume. Había unha versión anterior que durou pouco porque un dos requirimentos de facer logotipos no século XXI é que deben encaixar nun cadrado para poder poñelos de avatar nas redes sociais.
Ti: Pero a versión modificada tampouco é cadrada.
Eu: Xa o sei. É que facer que o lume encaixe nesas proporcións é complicado, pero algo mellorou, non?
Ti: Se ti o dis…
Durante todo este tempo, Lume conservou o mesmo logotipo, totalmente desfasado, xa que nin sequera Deno usa actualmente ese dinosauro. E a isto hai que sumarlle os problemas que tiña a tamaños pequenos ou a confusión da xente que ao ver o dinosauro pensaba que Lume era un produto de Deno.
Levaba tempo con ganas de cambiar de logo, desligarme da imaxe de Deno e facer algo propio. Deseñar un logo para unha marca chamada «Lume» lévache a pensar na típica lapa, recurso xa bastante trillado. Eu quería unha mascota —as mascotas no mundo dev sempre triunfan— e ocorréuseme usar un vagalume. Logo chegou o verán, parei o proxecto e dediqueime a outras cousas.
En setembro estiven colaborando con José Luis Antúnez no seu proxecto Columnas. Foi unha bonita experiencia que serviu para coñecernos e compartir coñecementos. Para o proxecto creamos unha plantilla chamada Blook.
Falando un día con José Luis, comenteille que tiña pensado cambiar o logo de Lume. Preguntoume se tiña algunha idea e faleille do vagalume. Díxome que se podía, que me axudaría a deseñar o logo.
Esta conversa serviume para reactivar o proxecto e comecei a traballar niso. Despois de varios esbozos sen demasiada inspiración, lembreime da película do estudio Ghibli Hotaru no haka (traducida como «A tumba dos vagalumes»). Vendo imaxes do filme descubrín que os vagalumes sempre se representaban en forma de círculos amarelos. Non se vían os insectos só a luz que emitían.

Entón comecei a darlle voltas á idea de usar simplemente un círculo de luz. Imaxinábame círculos (vagalumes) voando pola web de Lume e o logo podería ser algo tipo isto:

Días despois, José Luis contactou de novo comigo para mandarme unhas probas que fixo, baseado en formas xeométricas. Eu aproveitei para comentarlle a idea do círculo de luz e díxome que a idea lle parecía adecuada, máis simbólica pero que quizais era demasiado abstracta e pouco diferencial. Non lle faltaba razón.
Nese momento foi cando atopei finalmente o camiño: unha mestura de xeometría e luz. Despois de varias probas e retoques, cheguei a esta solución que presentei no blog de Lume:
