O tema da IA

Por Óscar Otero

Resulta difícil falar sobre intelixencia artificial de forma neutral e obxectiva, sobre todo polas diferentes formas que hai de achegarse a ela e a gran polarización existente. Pódense analizar as súas repercusións dende o punto de vista económico, tecnolóxico, ético e humano e, dependendo de con quen fales e a prioridade que lle outorgue a cada un destes puntos, dirache que é marabillosa ou que vai acabar co mundo.

A IA (ou mellor dito os LLMs, xa que o termo «intelixencia artificial» é un concepto de marketing), é un tema que me resulta interesante e intento seguir os seus progresos. Pero o xeito no que todos estes avances están sendo aplicados na sociedade por medio de grandes empresas con investimentos mil-millonarios non axuda moito a sermos optimistas.

Por iso dende hai un tempo interésame máis ler sobre ese outro punto de vista, as repercusións do uso desta tecnoloxía e como afecta a nivel económico, profesional, educativo, social ou ambiental. Comparto a continuación unha serie de artigos ou reflexións que me pareceron interesantes.

Persoalmente, o uso que lle dou á intelixencia artificial é bastante escaso. Para deseñar non o uso e de feito téñoo desactivado en Figma. O mesmo me pasa con todas as aplicacións que permiten desactivalo como Firefox ou DuckDuckGo. O único sitio onde o uso algo é cando escribo código, porque utilizo VSCode e de vez en cando sáltame o autocomplete do Copilot que me aforra escribir algunha liña, pero pouco máis.

Podería vivir perfectamente sen el xa que non lle fago preguntas nin lle pido que pense por min. É unha actitude consciente para non atrofiarme mentalmente nin adquirir unha dependencia da que pode ser difícil saír.